O proxecto

A biblioteca de puntos nace como unha ferramenta para facilitar a transmisión e a aprendizaxe do noso baile, ademais de servir como repositorio para unha recollida colectiva e descentralizada a través das redes.

Non pretende substituír a transmisión oral e presencial, senón apoiarse nela para o benificio mutuo de ambos – ensinar un punto desta páxina nunha foliada, ou representar un punto de foliada nesta páxina.

Tampouco pretende ensinar o sistema de bailegramas deseñado por Serxio Cobos, xa que o método de aprendizaxe e explicacións do mesmo están recollidos no seu libro “Bailegramas”. Entendemos que, a pesares de non ser un sistema perfecto (algo que o propio Cobos recoñece) é profundamente útil para o noso propósito.

Co proxecto preténdese crear un lugar ao que poder acceder no caso de querer buscar puntos por tipo de baile, xeografía, autor da recollida, e dificultade.


Glosario e códigos

Desglosamos os puntos en tres grandes grupos: muiñeiras, xotas, e maneos (este último nos bailegramas non se diferencia na armadura). Non temos previsto incluír carballesas ou regueifas de momento, debido ao conformar un conxunto de número moi reducido.

Tamén asignamos un nivel de dificultade ao punto entre o 1 e o 3, sendo o primeiro iniciación, o segundo intermedio, e o terceiro avanzado. En certas ocasións asignamos tamén un nivel 3+, se o punto contén características que dificultan a súa execución máis do habitual. Respetamos o nivel asignado por quen fai a recollida, e no caso de non constar, asignamos un nós atendendo a criterios de lonxitude, repetición de pasos, cambios de dirección, xiros, voltas, solapamentos, e da variedade de pasos.

Entre parénteses vai o nome da persoa que recolleu, bailou, explicou, ou nos facilitou o punto cun “r.” de recollido ou un “b.” de bailado antes do nome. Grazas a mensaxes de varias persoas, decidimos facer a distinción entre recollido e bailado para respetar a rigurosidade e a veracidade da información.

Do mesmo xeito, os puntos aparecerán só no mapa cando hai indicios reais ou contrastables de que o punto se orixinou nese sitio, sen ter en conta o lugar no que se baila.

Asignamos un código interno único para cada punto que nos axuda a catalogar e atopalos, formado por dúas letras (MU de muiñeira, MA de maneo, e XT de xota) seguido por un número ascendente dende o 001. Os códigos son asignados por orde de catalogado.

Ás veces unha entrada presenta varios puntos no caso de que na recollida se demostren variantes do mesmo. Nese caso non teñen entrada propia.​

Así, entendemos a entrada así:

XT (tipo de baile) –017 (código interno): Nivel 1 (dificultade), Fofe (lugar) (r. Luís Prego) (quen o recolleu)

Non todos os pasos da danza tradicional galega teñen un análogo no sistema de bailegramas, pero si se pode aproximar bastante e, nalgúns casos, a descrición textual tanto debaixo do duograma (por exemplo, usando “esv.” como complemento a un apoio libre) ou na descrición do propio punto (matizando, por exemplo, a posición do pé nunha patada ou un hop) completan a transcrición.


2026. Viva a nosa compañía. A biblioteca de puntos é de uso libre grazas a WordPress